A matanza: un luxo en vías de extinción.

 

A matanza: un luxo en vías de extinción.

Tan modernos, tan ricos, tan urbáns, nos fomos facendo, que acontecementos que formaron parte das nosas vidas, sanamente rurais ou semi-rurais, desapareceron para os nosos fillos.

A axilidade mental dos rapaces na era do iPad e das Nintendo-Play-Xbox ou como se chame o último trebello, seguro que melloraron (ou non, que diría o galego...).

Cando hai anos, moitos xa, me contaban que unha boa chea de cativos (alumnos dun amigo) non conseguían asociar o leite que bebían coas vacas, non terminaba de darlle crédito..., ainda que o decían xentes ben implicadas en cuestións docentes que, logo, programaban excursións a centros de granxa-escola, para evitar iso.

Nós (os Plaza Reino) somos uns privilexiados; o tío Manolo mantén o vínculo con esa vivencia do rural, na que as galiñas, os coellos e o porco forman parte do espazo e da vida; e tamén da economía e a subsistencia da familia.

Non sabemos se teremos que voltar todos a aprender a "plantar galiñas"..., e ao mellor ten que abrir unha escola...

O que é seguro é que a experiencia de participar nunha matanza é impagable, ainda que xa non sexa como as de antes (unha chea de xente para un acontecemento de toda a familia, ou incluso de media aldea).

Desta vez, tivemos o privilexio de que o tío Manolo esperara por nós, e axustara o día para que poideramos participar. A experiencia foi fantástica, outra vez; nesta ocasión parecía que o porquiño non medrara tanto, pero ao final si que foi un bo bicho. E tiveron boa faena para atalo, subilo...

O tío José está feito un mozo outra vez; ten a súa ferramenta en orde, ben coidada, ben afiada. E, sobre todo, conserva o seu gusto polo trato cos cativos; por deixarlles enredar ao seu lado, e deixarlles meterse polo medio e tocar todo, e preguntar todo, e... facer cousas de cativos....

E aí estiveron, axudando a limpar a pelexa; axudando a agarrar o bicharraco para abrilo, tocando e vendo por dentro todo ("¡agg... que asquito... diría algún!"). Mercedes a facer fotos e a preguntar por todo; os demáis cada un na súa teima; todos foron collendo un ril, ou vendo o corazón, ou preguntando polas tripas, cantos metros de tripas...!

Entre tanta tecnoloxía, entre tanta modernidade, que san me parece "enganchar" co máis rural, co máis tradicional do noso entorno! Parece que nos esquecimos de todo aquilo; pero non hai tanto tempo que as nosas avoas, ou as nosas tías-avoas, ou alguén en tódalas nosas familias (a meirande parte das nosas familias por aquí) tiñan una vida na que as galiñas, o porco, o millo e os grelos, os tomates e as patacas..., estaban moi presentes. E moitos eran os que comían ovos da casa, ou traían os embutidos, chourizos ou cousas máis elaboradas, da casa da aldea. Decididamente, o xamón non nace en envases de plástico ao vacío.

Parece que dentro de nada vamos ter un dereito fundamental ao teléfono mobil de última xeración...; outro deses dereitos fundamentais que alguén terá que pagar con cartos dos nosos fillos ou netos...

Logo de dar as grazas mil veces, rematamos xogando ao futbolín; este inverno non usamos moito as bicis, para achegarnos por aquí a xogar ao futbolín, como tiñamos por costume. Pero, ainda que un pouco desenfrenados, disfrutámolo un montón.

E logo, ademáis..., está riquísimo!

Espero que o ano que ven podamos repetir.

Categories: 
Top